Thursday 16 de May de 2024

O Concello de Noia inviste 13.000 euros en melloras no local social da Barquiña


 

Os traballos, que estarán rematados a próxima semana, céntranse na corrección de humidades e o pintado do inmoble

O Concello de Noia está a acometer obras de mellora no local social da Barquiña, uns traballos nos que inviste 13.600 euros e que estarán rematados ao longo da próxima semana. A concelleira de Relacións Veciñais, Ana Belén García Vidal, explica que “estes traballos forman parte do plan de mellora dos locais sociais que o Concello de Noia está a realizar nas distintas parroquias. Neste caso concreto da Barquiña, as obras centraranse en corrixir os problemas de humidade que ten o inmoble, así como proceder ao seu pintado e reparación de algúns elementos da carpintería interior”.

Así, nestes días estase procedendo ao lavado e rascado da pintura vella do inmoble, ao tempo que se procede ao selado das xuntas da cuberta e ao alisado e reparación de fendas no inmoble. Unha vez rematados, procederase á reparación de elementos de madeira como zócalos e carpintería interiores, onde se reporán os elementos deteriorados por outros de similares características. Finalmente, procederase ao pintado do inmoble. “Se todo vai de acordo ao previsto, os traballos estarán finalizados na próxima semana”, apunta Ana Belén García.

Esta actuación forma parte do plan de mellora dos locais sociais que está a acometer o Concello de Noia e que comezou o pasado mes de abril co arranxo do local social de Barro, onde se substituíron as baixantes e os canalóns para solucionar os problemas de estanqueidade e de humidades que sufría o inmoble. Antes de finais de ano acometeranse melloras noutros catro locais sociais máis por un importe de 46.725,55 euros: Boa, Ousoño, Barro e a Ponte de San Francisco. Unhas actuacións que serán financiadas con cargo ao remanente de Tesourería do Concello de Noia e que foron aprobadas no pleno do pasado mes de setembro.